Topofilia (12)
diciembre 22, 2011
Buçaco (Portugal)
_______
a música do bosque
Escoita amor a música dicías
esta luz sen memoria esta razón de ser
este vento tan lento
este lume estas chamas que elevan os principios
da iniciación da vida
Sostén amor a música indivisa
Sostén no corazón estes ritmos fluviais
os elementos cósmicos que inciden na unidade do amor
na noite altísima en Busaco
Son as arpas dos pinos de Himalaia
o fervor apaixoado das coníferas a súa linguaxe
o esplendor da araucana no val de Chile
a fuga virxinal das palmeiras do Nilo
a expansión do alcanfor xaponés a flor balsámica
que traspasa os sentidos e fala linguas voluptuosas
Luz Pozo Garza
Lo llamaron GILDA
septiembre 5, 2011
Gilda (Charles Vidor, 1946)
————
“Os mitos non morren. A alma é un inespacial xerador de imaxes. Un fabuloso creador tan insondable como o universo que albiscamos na noite estelar. Tal manancial creador inspira fielmente a imaxinación se a conexión é cabal. A este momento estelar chámolle eu “inspiración”, distinto do traballo mecánico profesional por moi perfecto que este sexa. Este momento estelar estremece e asombra o ánimo. Asombra como un milagre e regresa a súa orixe inconsciente, onde permanece para sempre. Así se nos revela a luz na escuridade dos soños e entramos na órbita do Sol. Na súa traxectoria mesmo divina. Talvez cae diante dos nosos ollos abraiados unha estrela cegadora. A este fulgor de felicidade chamaron GILDA. (…)”
“Gilda, de Charles Vidor”, por Luz Pozo Garza, en: “Cinemas”. Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, Núm. 12, 2007.
